Imaxe: Twitter Defende a Galega

Denuncian novas represalias na CRTVG

O Comité da CRTVG denuncia unha nova represalia contra a presentadora Marga Pazos.

O Comité de empresa da CRTVG, a través dun comunicado, denuncia que unha traballadora do ente público, Marga Pazos, foi represaliada por parte da dirección, ao apartala das tarefas propias de redactora que desenvolvía dende fai anos para limitala ás funcións de locutora de televisión, “aproveitando a escusa dunha sentenza que lle recoñece a Marga Pazos o dereito a percibir o complemento de nivel, de locutora a redactora, despois de quedar acreditado que en efecto leva anos desenvolvendo esas funcións”.

Denuncian que Marga Pazos pasa a ser “a única locutora á que se lle prohibe redactar”, asegurando que “é a primeira vez que a empresa aplica unha sentenza de recoñecemento de nivel para limitar as funcións da persoa á que o xulgado lle acaba de dar a razón”.  

Detrás desta decisión, aseguran, “está unha sentenza que condena á CRTVG a pagarlle preto de 40000 euros a Marga Pazos, para equiparar o seu nivel salarial de locutora a redactora, pero que non recoñece o cambio de categoría laboral, é dicir, pasar de locutora (nivel 5) a redactora (nivel 1), o que supón cobrar máis de 300 euros máis ao mes”.

Dende a CRTVG, aseguran que cumpren co recollido nesa sentenza, “que di que Pazos non pode ser redactora porque non é xornalista”, aínda que recoñecen que exercía esas funcións e por iso lle pagaban pluses.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies