Imaxe: https://mareatlantica.org/

232 persoas ratifican a Xulio Ferreiro como candidato da Marea Atlántica

As primarias da Marea Atlántica ratificaron a Xulio Ferreiro como candidato á alcaldía da Coruña con 232 apoios.

Dende a Marea Atlántica aseguran que “estas primarias conclúen máis dun ano de traballo, especialmente intenso nos últimos dous meses, para fomentar o debate interno, escoitar todas as voces e preservar o espazo político que construímos en 2014”.

A votación que pechou o proceso de primarias da Marea Atlántica ratificou a Xulio Ferreiro como candidato á alcaldía da Coruña nas eleccións municipais do 26 de maio. 232 persoas apoiaron a lista encabezada polo actual alcalde.

Segundo informou a Marea Atlántica ao dar a coñecer os resultados provisionais, o total de votos emitidos foron 247, dos cales 232 foron para a candidatura de Ferreiro e 15 en branco. Os resultados definitivos proclamaranse o día 21 de febreiro.

As 20 persoas que acompañarán a Xulio Ferreiro na súa candidatura pasarán a ocupar os 20 primeiros postos da lista electoral da Marea Atlántica, mentres que os nomes do 21 ao 27 decidiranse nunha Rede o vindeiro 28 de marzo.

Abrirían así a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais:

  • Xulio Ferreiro (Alcalde da Coruña. Profesor titular de Dereito e maxistrado suplente da Audiencia Provincial de Lugo).
  • María García (Concelleira de Medio Ambiente).
  • Xiao Varela (Concelleiro de Rexeneración Urbana).
  • Silvia Cameán (Concelleira de Xustiza Social).
  • Alberto Lema (Concelleiro de Economía Social e Emprego).
  • Claudia Delso (Concelleira de Participación).
  • Iago Martínez (Xefe de Gabinete da Alcaldía do Concello da Coruña e membro da Coordinadora da Marea Atlántica).
  • Isabel Faraldo (Traballadora do Servizo Galego de Saúde).
  • Susana Soneira (Decana do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense e vicepresidenta do Consello Xeral de Graduados Sociais de España).
  • Javier Pérez (Profesor de Formación e Orientación Laboral no CIFO Anxel Casal).
  • Natalia Balseiro (Profesional do eido cultural, durante trece anos na administración pública e outros cinco como independente).
  • Adrián García Seijas (Formado en Ciencias Políticas e Asesoramento Xurídico en Medio Ambiente. Traballador en precario do telemarketing. Integrante do comité de empresa de Extel na Coruña).
  • Leticia Barbadillo (Comunicadora e profesora en formación. Activista pola educación pública e os dereitos das persoas diversofuncionais).  
  • Mariano Fernández Cabarcos (Autoempregado da xestión cultural e socio fundador de CUAC FM).
  • Gema Rivera (Enfermeira e xubilada. Sindicalista. Comprometida na comunidade educativa).
  • Antía Garrote (Titulada en Humanidades e traballadora en precario. Vencellada aos movementos estudantís por un ensino público de calidade).
  • Rubén Pérez (Activista dos dereitos e o benestar animal. Impulsor da eliminación das touradas na Coruña).  
  • Ángeles Huerta (Cineasta, profesora da Escola de Idiomas da Coruña, doutora en Literatura Comparada e premio Mestre Mateo 2017 ao mellor documental).
  • Ricardo Cao (Catedrático de Estatística na UDC, da que foi vicerreitor entre 2012 e 2015. Defensor da universidade pública).
  • Stephanie Ordóñez (Xornalista. Licenciada en Filoloxía Hispánica. Activista social e ecoloxista).

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies