Imaxe: Twitter M. A. Fernan Vello

Fernán Vello (Anova) emenda todo o seu discurso sobre a confluencia

As manifestacións públicas realizadas por Miguel Anxo Fernán Vello (Anova) durante estes días son unha emenda á totalidade ao discurso que mantivo sobre a confluencia dende fai máis de dous anos.

Onte, a través da súa conta de Twitter, Fernán Vello manifestaba “quero facer un chamamento a En Marea para conformar unha grande coalición, unha fronte ampla, que faga frente ao bloco reaccionario. Diante desta conxuntura política precísase unha aposta pola unidade”. Na mesma liña, noutra publicación insistía en que “diante dunha deriva que preludia a estrema dereita e o fascismo, temos que ter unha posición responsabel. As esquerdas teñen que estar á altura das circunstancias. Fago un chamamento a En Marea directo e expreso e que se defina”, rematando con que “a cidadanía galega apoiou en 2015 e en 2016 esta opción de unidade para desaloxar do poder as dereitas. Temos a responsabilidade de ofrecer esa alternativa. Unha dereita que segue a machacar e a maltratar o noso país, miren a sanidade”.   

Coincide así o deputado de Anova con Podemos e Esquerda Unida, que instaban a Villares a “tomar partido” e “decidirse claramente”, porque segundo afirman, “sería incoherente non concorrer xuntos”, pese a ser eles quen se desmarcaron de En Marea, nun primeiro momento na votación dos orzamentos e posteriormente ao non presentarse ás primarias da formación.

Yolanda Díaz (Esquerda Unida) manifestábase na mesma liña que Fernán Vello, asegurando “imos concorrer coa man tendida, de unidade, polo que facemos un chamamento a incrementar esa unidade, tamén para o partido que lidera Luís Villares”. As declaracións da dirixente de Esquerda Unida chocan coas realizadas nestes días por Eva Solla, coordinadora nacional de EU, quen aseguraba “digo que non son de En Marea porque non milito nese partido”, aspecto significativo, pois parte da remuneración que percibe venlle por ser vicevoceira do Parlamento, cargo que ostenta debido a que En Marea á a segunda forza no hórreo”.

Antón Gómez Reino (Podemos), manifestou tamén o seu desexo de que “ninguén rompa o espazo de unidade”, asegurando “quen queira manterse fóra, é a súa responsabilidade”, mais, quen rompeu o espazo de unidade, como se visibilizou claramente no debate dos orzamentos, foron precisamente quen máis aposta agora pola coalición e quen á súa vez, non participa nos órganos de En Marea nos que as inscritas decidiron que estiveran representados, pois o Consello das Mareas segue agardando que as 14 persoas integrantes do mesmo se incorporen. 

A estratexia de Podemos, Esquerda Unida e Anova de defender a unidade a través da coalición é difícil de manter, sendo rexeitada xa por Luís Villares, asegurando que “temos que aprender dos nosos erros, e foi un erro presentarse cunha fórmula xurídica que non permitise ter grupo parlamentario propio” e enarborando a “grandeza de En Marea”, ao tratarse “dun espazo político valente, coherente e consecuente, que se presentará como partidos de adscrición individual, deixando atrás os corpiños ríxidos, porque o que suma non é a suma de siglas senón a suma de proxectos”. Como resaltou, “con esta fórmula xurídica gañadora”, os inscritos non terán que pertencer a ningunha outra formación nin serán os líderes que as encabezan os que tomen decisións”, mención que tiña por destinatarios aos deputados de En Marea no Congreso que no debate dos orzamentos, seguiron a disciplina de voto de Podemos. 

Confluencia ou coalición

Fernán Vello foi electo como deputado de En Marea por Lugo en xuño de 2016, revalidando o cargo obtido nas urnas seis meses antes. Daquela, avaliando o resultado electoral, un dos elementos que consideraba ante o devalo de votos, era o do partido instrumental, pois vía como “un erro” non concorrer nesas eleccións como partido instrumental, argumentando que “iso podería blindarnos aínda máis a posibilidade de obtención de grupo propio no Congreso, o que un bo número de votantes (agora ex votantes) tería agradecido”.       

Agora, ante os inminentes procesos electorais, Fernán Vello fai unha emenda á totalidade ao seu discursos sobre a confluencia, e defende de novo, xunto con Podemos, Esquerda Unida e Anova, unha coalición de partidos, algo que, segundo se lles critica, fan para asegurarse os seus postos sen pasar por un proceso de primarias. 

https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=1796040407293515&id=1597724500458441

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies