Finalmente non haberá depósitos de gas no centro de Boiro

A Xunta de Galicia cede ante a intensa oposición e non concederá o permiso á empresa que pretendía instalar os depósitos no centro da vila.

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas, anunciaba en Comisión parlamentar o cambio de decisión da Consellería no referente á instalación no centro de Boiro de dous depósitos de gas propano, asegurando que non se permitirá dita instalación.

Nun primeiro momento, o Concello de Boiro non respondeu ao requerimento da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para dar a súa autorización urbanística á instalación industrial, coa escusa de non contar neses momentos con técnicos cualificados para facer esa certificación. O grupo de goberno chegou a votar en contra dunha moción de Boiro Novo solicitando o rexeitamento do proxecto. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas manifestou que consideraría como positivo o silencio administrativo por parte do Concello á instalación.

Dende BoiroNovo sinalaron que “o coñecemento das intencións da empresa fixo saltar as alarmas entre a poboación, que consideraban incrible que se tentaran situar estes depósitos nunha zona densamente poboada e concorrida, ao situarse ao lado dun supermercado e numerosos negocios de restauración”. 

Na comisión celebrada esta semana no Parlamento, o director xeral de Enerxía aseguraba que non se permitiría a instalación nese lugar, solicitándolle á empresa un novo proxecto, cunha nova ubicación.

En Marea, grupo que levou esta iniciativa ao Parlamento, parabenizou a decisión da Consellería de Industria de “atender as demandas dos veciños e veciñas de Boiro, as mocións presentadas por Boiro Novo e as denuncias do grupo parlamentar”. En declaracións aos medios, o deputado de En Marea, Francisco Casal, felicitou á veciñanza e aos representantes de Boiro Novo pola súa mobilización en contra deste proxecto que asegurou “evidencia unha vez máis que a loita cidadá é quen de lograr parar os plans de empresas protexidas polo Goberno galego que atacan os intereses dos galegos e das galegas”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies