Xulio Ferreiro e David Bruzos na presentación da candidatura Entre Todas na Coruña // Imaxe: https://twitter.com/XulioFerreiro

O comité electoral da Marea Atlántica prevé a expulsión de quen ceda datos persoais a terceiros

A organización que lidera Xulio Ferreiro ven de aprobar o regulamento de preparación e eleccións da candidatura coa que concorrerán ás municipais de 2019.

Nun documento de dezanove páxinas indican que “o proceso pretende ser un exercicio de innovación e radicalidade democrática e quere reforzar o desenvolvemento das candidaturas de forma transparente, inclusiva e coa participación da organización”.

A Marea Atlántica escolle un sistema de reconto proporcional segundo o método D’Hont do mesmo xeito que se asignan os escanos e concelleiros nas eleccións xerais e municipais que foi amplamente criticado por organizacións rupturistas como Podemos e Anova. A maiores do anterior establece un sistema de “premio” á lista maioritaria indicando que obterá automaticamente os cinco primeiros postos da lista no caso de que alcance o 65% dos votos, un sistema similar ao que, tempo atrás, propuxo o Partido Popular para asegurarse o goberno no caso de ser a lista máis votada.

Comité electoral

A Marea Atlántica tamén introduce un comité electoral para levar o proceso de conformación da lista electoral da formación. O artigo 22 do regulamento indica expresamente que “serán expulsadas” do órgano as persoas “que cedan a persoas alleas a dito órgano calquera tipo de dato persoal de terceiras persoas”.

En Marea

A aprobación do regulamento xerou certo malestar na candidatura Entre Todas, liderada polo ourensán David Bruzos e que conta co apoio expreso de Xulio Ferreiro e da Marea Atlántica. As contradiccións a respecto das listas proporcionais á utilización do sistema D’Hont amplamente criticado por formacións coas que comparten candidatura é considerada un recoñecemento a que a defensa das listas abertas na asemblea de En Marea queda en entredito mediante a aprobación dun regulamento que aproba o contrario e que foi defendido polas mesmas persoas que no plenario defenderon o contrario. Tamén hai un malestar porque figure unha cláusula sobre a protección de datos onde se cite expresamente a expulsión do comité electoral a quen ceda os datos persoais a terceiros xa que consideran que lle dan a razón a Luís Villares na súa actuación con respecto ao comité electoral e á paralización das primarias de En Marea.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies