A dirección de Podemos Galicia sitúa os seus candidatos nas primarias para controlar o partido nas cidades
A nova dirección de Podemos Galicia tratará de consolidar e facer valer a súa posición en todas as cidades da comunidade apoiando a un candidato afín a Gómez-Reino nos distintos procesos de primarias abertos para elixir secretario xeral municipal, coa vista posta nos vindeiros comicios de maio.
Podemos reorganizase en Galicia para tratar de asentar a súa marca dentro do espazo de confluencia e gañar visibilidade, tras non participar como organización nas municipais de 2015 nin nas autonómicas de 2016, nas que se diluíu en En Marea. Agora, trala chegada á Secretaría Xeral de Gómez-Reino, deputado no Congreso, o partido celebrará primarias para elixir líderes municipais nas sete cidades e nas localidades de Ames, Sarria, Sanxenxo e Gondomar.
A dirección actual moveu ficha para situar candidatos nos procesos e así controlar o partido ante un periodo de axitación debido ás vindeiras eleccións locais de maio. Así, concurrirán ás primarias, o exsenador José Manuel García Buitrón en A Coruña e Borja San Ramón en Ferrol. En Santiago, as opcións que se manexan son a deputada Luca Chao, o ex voceiro de Compostela Aberta Álex Botello ou David Domenech. Nestas cidades, gobernadas polas “mareas consolidadas” como as nomean dende Podemos, a formación morada non incluirá as súas siglas na papeleta, polo que as negociacións de Podemos coa Marea Atlántica, Ferrol en Común e Compostela Aberta terán particularidades.
En Vigo o candidato oficial será Xaquín Pastoriza, en Pontevedra José Ramón Otero, en Lugo José Porto e en Ourense Víctor Ferreiro.
As listas definitivas coñeceranse o venres. As votacións telemáticas terán lugar entre os días 20 e 25 deste mes e a publicación dos resultados será o martes 27.