Concentración contra a mina de Touro-O Pino celebrada en Santiago de Compostela

Concentración en repulsa á reapertura da mina de Touro-O Pino

O pasado domingo máis de cen persoas acudiron á concentración cívica convocada pola Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON na entrada da alameda de Santiago, baixo a pancarta permanente de repulsa á reapertura da mina de cobre a ceo aberto.

Entre as asistentes, atopábanse diversos membros da corporación municipal, como Jorge Duarte, Concepción Fernández ou Xan Duro. Políticos doutros grupos políticos composteláns, salvo do Partido Popular, tamén se achegaron, como Goretti SanMartín do BNG ou Milagros Castro e Gonzalo Muiños do PSdG.  

A pancarta baixo a que se convocou a concentración ten por lema “Non á Mina de Touro-O Pino. Pedimos respecto”. Dende a Plataforma explican que “súmase así ás dúas pancartas permanentes, colocadas a finais de setembro na praza de Abastos para esixir respecto aos medios de vida que compartimos: produtos da terra e do mar de calidade e turismo vencellado ao Camiño de Santiago”. Piden respecto tamén “para a calidade de vida e a saúde da cidadanía, que se vería gravemente afectada por unha mina a ceo aberto destas características”. As afeccións que nomean fanse extensivas ao medio ambiente e ao patrimonio, pois como xa denunciou ICOMOS, órgano asesor da UNESCO, veríase afectado o propio Camiño de Santiago.

Dende a Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino NON queren amosar o seu agradecemento a cada persoa asistente, á cidade de Santiago pola boa acollida e especialmente ao Concello por permitir a colocación das pancartas nuns lugares tan centrais da cidade. Aseguran dende a Plataforma que “todos eses folgos son os que permiten continuar con esta loita”.

II Magosto contra a Mina

Continuando coas actividades reivindicativas e de visibilización, para esixir á Xunta que pare o proxecto, a tarde do domingo, dende a Plataforma organizaban o II Magosto contra a Mina Touro-O Pino, actividade na que tamén participaron dirixentes políticos como o voceiro de En Marea Luís Villares, quen se sumaba ás reivindicacións esixindo, na súa conta de Twitter, “respecto á vida, con máis argumentos despois do informe demoledor de Icomos”.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies