O sistema de primarias de Podemos baixo sospeita

Durante este último mes producíronse numerosas paralizacións e impugnacións nas primarias celebradas en Podemos Madrid, Cantabria, Castilla la Mancha, La Rioja, Cataluña ou Lanzarote, o que pon en entredito o sistema de primarias da formación ruturista.

Fai uns días, María del Carmen Camiña, de Podemos Sansenxo lamentaba que o secretario xeral do partido, Antón Gómez-Reino, saira en defensa das irregularidades e posibles actos delictivos comprobados nas dúas auditorías realizadas trala paralización das eleccións internas de En Marea, asegurando que “a intrusión na base de datos de En Marea púxonos en alerta a moitas das inscritas de Podemos, ao compartir plataforma nas votacións, e por iso levamos o caso á comisión estatal de garantías do partido”.

Pola súa banda, o xulgado de primeira instancia número 6 de Santander ordenaba o mes pasado a suspensión cautelar das primarias para encabezar a lista de Podemos Cantabria ás autonómicas de 2019 polo mesmo que o xulgado de primeira instancia número 6 de Logroño facía o propio coas de Podemos La Rioja: por considerar que a inhabilitación de precandidatos por parte de diversos órganos do partido podería vulnerar o dereito fundamental á participación política destes.  

Este mesmo mes, na Rioja, varios inscritos levaron tamén á Comisión de Garantías Estatal unha denuncia por vulnerar o regulamento interno do proceso ante o que consideran “un caso de fraude electoral, suplantación de identidade e falsidade documental”.

O deputado de Podemos Casstilla la Mancha e candidato a liderar a lista da formación morada á Presidencia de Catilla la Mancha nas próximas autonómicas, David Llorente, solicitou formalmente a recusación de catro dos seis membros do equipo técnico das primarias que celebra o partido na rexión debido a que forman parte, ao mesmo tempo da lista “Con Molina Podemos Gobernar CLM”, que lidera o actual secretario xeral, José García Molina, polo que interpuxo querela no xulgado e denuncia ante a Comisión de Garantías.

Despois de solicitalo repetidamente por correo electrónico, asegura Llorente, “o equipo técnico accedeu a comunicarme a min particularmente a súa composición, pero segue negándose a publicala na web rexional do partido, onde so figuran as iniciais das persoas que o integran, o que impide identificar quen son responsables de cada unha das funcións e do correcto desenvolvemento do proceso de primarias”, polo que volveu a solicitar que se publiquen coa transparencia necesaria.  

Tras ser derrotado por so un voto nas primarias para encabezar as listas electorais nas próximas eleccións de 2019 ao Cabildo de Lanzarote, o dirixente de Podemos anunciaba que pedirá á dirección do seu partido en Madrid que “cambie as normas e o regulamento das eleccións internas para proclamar candidatos, para que os censos se pechen dez días antes das votacións e exista un control, por mínimo que sexa, para evitar que membros doutros partidos políticos poidan inscribirse en Podemos e votar”. 

En Las Rozas (Madrid), Podemos tamén suspendeu o proceso de primarias a raíz do auto do xulgado de primeira instancia número 17, que ordenaba como medida cautelar a reincorporación ao proceso dunha candidata suspendida de militancia. 

Un grupo de militantes de Podemos, agrupados no colectivo “Nuevo Impulso”, presentarán unha demanda de impugnación das primarias convocadas pola dirección de Pablo Iglesias para elixir aos seus candidatos ás xerais, xa que consideran que vulneran os dereitos dos inscritos. Denuncian a “mala praxe que rodeou ao proceso, para o que so Pablo Iglesias e a súa xente poidan ter opcións reais de gañar”, considerándoo “unha flagrante vulneración do dereito fundamental de asociación da maioría dos inscritos no partido”, asegurando que “das 91 persoas que se presentaron para optar ao posto de candidato á Moncloa, so Pablo Iglesias conseguiu o número de avais imposto por el mesmo”.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies