Lídia Senra e Paula Verao reclaman un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña
Lídia Senra e Paula Verao presentarán iniciativas no Parlamento Europeo e Galego para defender os servizos públicos de coidados, preservar o patrimonio e apoiar a agroecoloxía
A deputada galega no Parlamento europeo Lídia Senra e a deputada de En Marea no Parlamento galego Paula V. Verao ven necesario “que as Administracións públicas poñan en marcha canto antes un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña galegas, dotado con capacidade orzamentaria suficiente para blindar todos sos servizos sociais públicos hoxe en perigo ou serio deterioro”.
Lídia Senra aseguro que “urxe aplicar políticas que permitan manter unhas montañas vivas”, á vez que considera fundamental “levar a cabo un maior e correcto desenvolvemento da Lei de Dependencia, cun maior apoio público para o coidado dos maiores”. Senra tamén fixo énfase en que “é fundamental incluír as necesidades da montaña nos planos estratéxicos da Política Agraria Común” e reclamou a necesidade de “preservar o patrimonio cultural e a biodiversidade que hai nas montañas, o que pasaría por un apoio decidido ao desenvolvemento dunha agricultura e gandeiría en base á agroecoloxía que permita a labregos e labregas vivir do seu traballo”.
Pola súa banda, Paula V. Verao denuncia que “as zonas de montaña, vense moi afectadas pola falta de servizos de atención á Dependencia, debido ao seu avellentamento e escaseza de poboación, así como polas súas menores facilidades para a comunicación”, e apunta que dende En Marea “defendemos que se blinden os servizos sociosanitarios nas zonas de montaña, garantindo prazas suficientes de Centro de Día e introducindo en todo o territorio galego a figura da profesional de Traballo Social nos Centros de Saúde, para colaborar estreitamente cos servizos sociais na atención de problemas sociosanitarios que se agravan co avellentamento demográfico”.
Hoxe, en Becerreá, analizamos a falta de servizos de atención á Dependencia na Montaña (cómpren máis horas de SAF e centros de día) e a desorde forestal con plantacións coma esta, a pé de río e estrada. Cómpre plan integral para zonas montañosas galegas. @LidiaSenra @En_Marea pic.twitter.com/36Xurjqypg
— Paula Vázquez Verao (@paulaverao) January 3, 2019
Reclamanos un plan integral para o desenvolvemento da montaña que blinde os servizos públicos de coidados, preserve o patrimonio, apoie a agroecoloxía e impida que se planten eucaliptos onde a propia Xunta di que non se deben plantar @paulaverao https://t.co/VdjGR4eqQh pic.twitter.com/cGjrHxjOA6
— Lídia Senra (@LidiaSenra) January 4, 2019