https://www.cig.gal/avantar.html

PAC de toda Galicia en folga indefinida

O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de toda Galicia convocaron folga indefinida dende onte, 7 de xaneiro, para reclamar melloras asistenciais e laborais

Dende o Comité de Folga explican que “a convocatoria chega despois de múltiples intentos de diálogo co Sergas e de dous paros parciais” xa que, aseguran “seguimos sen ningún achegamento por parte da Administración e non fomos convocados/as durante este período para negociar unha saída ao conflito”.  

O colectivo lembra que as súas reivindicacións “seguen a ser os 11 puntos que nos uniron en toda a xeografía galega hai preto dun ano, con demandas asistenciais e de equiparación de dereitos ao resto dos profesionais do Sergas: retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos de enfermería médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección axeitados ou cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas computen neutro a efectos de xornada”. Sinalan que, malia aumentar a súa actividade asistencial, “os centros non están ben dotados e os equipos sanitarios son mínimos”.

Sosteñen que “a incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis” e lembran que son numerosos os colectivos e usuarios que denuncian publicamente o precario estado da sanidade, “nomeadamente en Primaria: listas de espera, problemas de derivación a consultas de especializada, falta de medios, escaseza de persoal contratado, material inadecuado, etc”.  

Consideran que coas declaracións de “facemos o que podemos” da Administración fai un recoñecemento do que levan meses denunciando: “unha enorme falta de planificación que se foi paliando grazas á implicación e responsabilidade do persoal”.  

Aseguran que “o feito de que o Sergas non convoque o comité de folga, que se nos exclúa das reunións e grupos de traballo de reestructuración en Atención Primaria e que permitan que este conflito se estenda no tempo, deixa en evidencia a falta de disposición ou capacidade para resolver os problemas co persoal dos PAC”.

Por isto é polo que o colectivo decidiu convocar folga indefinida, “para dar solución dunha vez por todas ao trato inxusto e discriminatorio ao persoal, cunhas condicións de traballo pésimas que non se poden soster máis no tempo”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies