Imaxe: Twitter Ministerio de Hacienda

Os orzamentos do Estado non contentan a ninguén salvo ao PSOE

Trala presentación o pasado luns dos Orzamentos do Estado, contas que reducen o investimento para Galicia case nun 20%, a resposta dos diferentes partidos políticos non se fixo esperar.

O Partido Popular basea o seu argumentario en cargar contra os Orzamentos do PSOE alegando, como fixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que “Sánchez retira fondos a Galicia para darllos aos separatistas”. Feijoo laiouse tamén de que o goberno do PSOE, nos seus primeiros Orzamentos tralo goberno de Rajoy, non destine fondos “a proxectos que levan anos desbotados pola vía dos feitos como a extensión do Eixo Atlántico de Alta Velocidade ata Ferrol ou a conexión por AVE de Ourense e Vigo por Cerdedo”.    

Nas declaracións feitas estes días, todos os cargos do PP seguen esa liña, como exemplifica tamén Celso Delgado, deputado no Congreso, quen asegurou que “mentres os investimentos en Cataluña medran máis dun 50%, Galicia sofre un recortazo do 19%”, para cargar tamén contra os 5 representantes de En Marea no Congreso, espetando que “é unha afronta das mareas de Podemos, que dixeron que ían negociar unha axenda galega para apoiar estes orzamentos”.  

Yolanda Díaz, voceira de En Marea no Congreso, afirmou “dicímoslle a Pedro Sánchez: así, non”, asegurando que están “moi lonxe de dar aprobación a estes Orzamentos se non existen incrementos para Galicia”.

Dende o parlamento galego, Luís Villares, voceiro de En Marea, cualificou as contas de “aldraxe con Galicia”, asegurando que “non contarán co apoio dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso se non se leva a cabo unha profunda modificación dos mesmos”. En base a isto, Villares instou ao goberno central a abrir unha vía bilateral co obxectivo de “pasar das palabras aos feitos e levar a cabo cambios substanciais que arranxen as graves deficiencias e poñan fin a este despropósito”, pois considera estes orzamentos “unha provocación, un despropósito e unha fuga de oportunidades laborais, sociais e económicas para o noso país”. Concluíu advertindo “o noso compromiso político é con Galicia e esixiremos ao goberno de Pedro Sánchez que cumpra ou non haberá apoio de En Marea aos orzamentos presentados polo goberno central”.   

Dende o BNG, Ana Pontón ve demostrado que “as forzas estatais son inútiles á hora de defender os intereses de Galicia e proban a irrelevancia política á que conducen este país”. A voceira do BNG emprazou a comparar as contas actuais “coas dos anos en que o Bloque condicionou os orzamentos do Estado mediante a súa representación no Congreso”, en tempos de Zapatero. Instou tamén a En Marea a que presenten “unha emenda de devolución e negocien, de verdade, unha axenda galega”.        

O PSOE semella ser o único satisfeito con estes orzamentos, así Gonzalo Caballero, admitía que “todo é mellorable e hai marxe para traballar”, pois aseguraba “queremos os mellores orzamentos para Galicia”. Javier Losada, pola súa banda, facía fincapé no matíz social destes orzamentos, enfatizando que o orzamento de Sánchez “está marcado polo realismo, mentres nos últimos cinco anos os gobernos do PP deixaron sen executar en Galicia máis de 2000 millóns”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies