Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez durante unha comparecencia // Imaxe: https://www.anova.gal

Antón Sánchez volve emendar a Beiras e di que Anova non lle propuxo nada ao BNG

O voceiro de Anova, Antón Sánchez, nega que a súa formación fixera un ofrecemento ao BNG, ERC e EH-Bildu para acudir conxuntamente ás eleccións ao parlamento europeo.

Antón Sánchez, voceiro de Anova, emendou as palabras pronunciadas días atrás por Xosé Manuel Beiras. O veterano líder nacionalista realizou, nunha comparecencia na que tamén estaba Sánchez, un chamamento ao BNG, Esquerra Republicana de Catalunya e EH-Bildu para concorrer xuntos ás eleccións ao parlamento europeo incluso chegou a indicar que era necesario abrir negociacións co BNG para tecer unha fronte común das nacións sen estado.

Agora, nunha entrevista na Radio Galega, Antón Sánchez, indicou que “Beiras emitiu unha opinión” e que “rotundamente nunha houbo ningunha proposta concreta de concorrencia por parte de Anova polo tanto, a partir de aí, todo o resto sobra”.

As continuas desautorizacións de Anova ao seu fundador

Non é a primeira vez que o voceiro da formación que fundou Beiras tratou de matizar as palabras durante esta semana pero nunca se atrevera cunha desautorización tan contundente como a deste sábado.

É coñecido polas militancias de Anova e En Marea a falta de sintonía de Beiras con Podemos. O veterano nacionalista considera que a formación de Pablo Iglesias incumpriu sistematicamente os pactos asinados: dende os posicionamentos a favor do dereito a decidir incluídos expresamente no acordo de Mazarelos e nos documentos constitutivos de En Marea a cuestións máis organizativas como o funcionamento do grupo parlamentar en Madrid. Precisamente este último punto motivou que o propio Beiras redactara e defendera un documento no plenario de En Marea baixo o título“En Marea e o seu grupo parlamentar nas cortes do estado” no que indicaba expresamente a obriga de que o grupo rendese contas ante os órganos do partido instrumental e incluso establecía que “o incumprimento grave destas normas por calquera dos membros do grupo nas Cortes poderá suscitar a incoación do procedemento de revogación polas bases previsto nos estatutos de En Marea”. Anova co seu actual voceiro á fronte deslexitimou o documento ao tomar un acordo con Podemos e Esquerda Unida no que se acordaba que cada deputado soamente ten que comparecer ante o partido que os designou para ocupar un posto nas listas da coalición electoral botando por terra a tese redactada por Beiras.

Os encontronazos do fundador de Anova coa súa formación foron a maiores nas eleccións internas de En Marea. A integración de Anova na lista ‘Entre todas’ que pretendía botar a Villares e copada maioritariamente por Podemos e Esquerda Unida fixo estallar a Beiras cando utilizaron a súa imaxe para publicitala. “Autoexcluínme a mantenta das eleicións ao Consello de EM e reclamo que ningunha candidatura utilice a miña imaxe. Obrigado”, espetou.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies