O INE alerta de que máis da metade da mocidade galega non ten emprego

A Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística revela que a maior parte dos mozos galegos non traballa, non ten ningún tipo de ocupación, e, entre quen traballan, aumentan os contratos parciais.

Dos 317.900 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 122.300 están ocupados (38,5%), 33.400 son parados (10,5%) e os 162.100 restantes son inactivos (51%). Representan unha porcentaxe moi pequena do conxunto da masa traballadora galega, sendo menos do 20%.

En Galicia había 873.300 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2018, mais a situación pode empeorar, pois segue baixando a poboación ocupada.

A taxa de actividade galega é do 53%, con diferenzas entre provincias, estando Ourense no 47,7% e Lugo no 52% por baixo da media galega mentres que Pontevedra cun 53,3% e A Coruña cun 54,5% supérana.

Se se analiza a poboación en idade laboral menor de 29 anos, a ocupación baixa ao 38,5% no cuarto trimestre de 2018.  

Valoración dos sindicatos

Ante esta situación, CIG, UGT e CCOO, os principais sindicatos en Galicia, alertan de que “en 2018 acentúase o envellecemento do mercado laboral, cun descenso da poboación activa, especialmente entre a xente moza, unido ao avance da precariedade”.  

A CIG advirte da “caída libre da poboación activa en Galicia ao longo de 2018”, especialmente entre menores de 40 anos, e sinalan “á emigración de mozas e aos problemas no sector industrial como factores que están detrás da perda da poboación activa, nunha terciarización da economía galega que profunda no empobrecemento da poboación”.   

UGT denuncia que “a crise e as diversas reformas laborais deixan como herdanza unha precarización do mercado laboral e dos dereitos das traballadoras, ata situar a taxa de pobreza e exclusión social nos 22,6 puntos”.

CCOO, pola súa banda, denuncia “unha temporalidade insustentable en Galicia, cunha precariedade que alimenta a perda de poboación activa, xa que as condicións laborais non son atractivas para configurar proxectos de vida na Comunidade”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies