Imaxe: http://www.fadsp.org/~ab47510/index.php

SOS Sanidade Pública critica que Feijoo non teña interese en dar a cara en Galicia

As rúas de Santiago acollerán este domingo unha mobilización convocada por SOS Sanidade Pública en protesta polo desmantelamento e os recortes do goberno de Feijoo, ao que afean por non dar a cara en Galicia e ir á concentración a Madrid.

A manifestación en defensa da sanidade contará co respaldo dunha quincena de plataformas sanitarias galegas, partidos políticos e sindicatos.  

Manuel Martín, voceiro da Plataforma, alertou de que “a calidade do servizo está a caer en picado porque o negocio é o que orienta a política de Feijoo”. En resposta ás acusacións de politización afirma “claro que está politizada, pero non é partidaria, porque xorde dunha situación de masificación e recortes que provocou mesmo a dimisión dos Xefes de Servizo de Atención Primaria de Vigo, algúns seguro que afíns ao PP, e que non son persoas radicais na loita política”.

Coa protesta, SOS Sanidade esixe “que se recuperen os investimentos perdidos en sanidade en persoal e en medios, a recuperación das catro áreas sanitarias eliminadas, finalizar coa marxinación da atención primaria, acabar coa precariedade laboral de traballadores que escapan por iso de Galicia e responder ás demandas de Atención Primaria e urxencias”.

Aseguran que “a situación dramática e de colapso actual da sanidade galega responde ao interese da Xunta pola súa privatización, cun desmantelamento e recorte que ten por obxectivo a entrada de multinacionais privadas”.

Críticas ao presidente da Xunta

Dende SOS Sanidade Pública censuran que “Feijoo vaia a un acto por Catalunya en Madrid contra o goberno de Sánchez e non teña o máis mínimo interese en dar a cara ou apoiar á xente na manifestación da sanidade”, asegurando que “a xente que sofre as deficiencias da sanidade tamén pode votar ao PP, sofren os recortes independentemente de a quen se vote”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies