Imaxe: Xunta.gal

Sindicato Labrego Galego, Frouma e Amigos da Terra denuncian o mal funcionamento do Consello Forestal

Sindicato Labrego Galego, Frouma e Amigos da Terra denuncian que o mal funcionamento do Consello Forestal exclúe os axentes sociais do sector

Trala celebración da última xuntanza do Consello Forestal, o pasado 19 de febreiro, o Sindicato Labrego Galego, Asociación Frouma e Amigos da Terra queren denunciar, unha vez máis, a exclusión dos axentes do sector á hora de dialogar e traballar para facer políticas forestais de consenso.

Aseguran, a través dun comunicado que “dende a súa creación no 2004 como órgano consultivo e asesor da Administración, o Consello Forestal de Galicia coxeou na súa faceta de ser a canle de participación dos axentes sectoriais, sociais e científicos para a elaboración e execución de políticas orientadas ó desenvolvemento sustentable e, nos últimos tempos, converteuse nun instrumento de trámite para xustificar unha consulta pública que, en realidade, non se producía”.

No último pleno do Consello Forestal, o conselleiro de Medio Rural aludiu sempre á Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia e aos grupos de expertos creados no Parlamento de Galicia, como única vía de traballo para a elaboración das políticas forestais. Dende as organización entenden” que a labor política é moi necesaria, pero non o é menos a participación das organizacións sociais e sectoriais que traballamos e vivimos cada día no medio rural”.

No aspecto da prevención e defensa contra os incendios forestais, aseguran, “o conselleiro negounos en repetidas ocasións a solicitude de creación dunha Mesa dos Lumes no seo do Consello Forestal, onde poder aportar e debater propostas para avanzar nunha solución a esta problemática do territorio galego, que ten moito que ver coas políticas forestais e do medio rural. Dende a Xunta de Galicia volven a poñer a política de costas ao pobo, en troques de contar coa experiencia e traballo dos axentes sociais”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies