Os continuos desencontros con Podemos e EU provocan que Alexandra Fernández deixe a política institucional

A deputada ven de facer público un emotivo comunicado nas redes sociais no que indica que abandona a política institucional para volver a ser unha militante de base.

Na tarde-noite de onte Alexandra Fernández, a deputada de Vigo que fora designada por Anova para integrar a coalición con Podemos e Esquerda Unida, comunicio a través do seus perfís de Facebook e Twitter a súa intención de abandoar a política institucional.

“Despois dunha profunda reflexión, poño fin, pois, a unha etapa dura e intensa. Tiven moi claro desde o primeiro momento que o meu tempo na política institucional había ser limitado. Nestes tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volto agora a ela, mantendo o meu compromiso militante desde a base”, indicou.

Destacou que “traballei para tentar humildemente perfilar unha estratexia que puxese en valor o potencial da Galiza Atlántica; dunha Galiza que non quere depender dunha política do Estado que co seu modelo radial nos pretende asimilar á España baleira” así como o “compromiso persoal para que a comisión de investigación de Angrois saíse adiante, e tiven a sorte de acompañar durante todo este tempo as víctimas e familiares do Alvia, con quen aprendín a importancia do empeño e do tesón. Tralo paso de case medio centenar de comparecentes conseguimos desenmascarar mentiras e medias verdades, e provocamos que funcionarios do Ministerio de Fomento desen un paso adiante para atenuar a opacidade de “verdade” oficial. Quédame a espiña de que o final anticipado da lexislatura deixase no aire a elaboración do informe de conclusións, que espero e desexo que se recollan para a seguinte”.

Desavinzas con Unidos Podemos

O control ao que Unidos Podemos someteu ao chamado ‘subgrupo’ de En Marea no Congreso, integrado no grupo parlamentar de Unidos Podemos foi unha fonte continua de conflitos.

Alexandra Fernández denunciou en varias ocasións que Podemos obrigaba a un posicionamento contrario aos intereses de Galicia. Alexandra Fernández estalou duranteo plenario de En Marea indicando que os deputados de Podemos e Esquerda Unida primaban os seus intereses persoais sobre o país e as bases.

A gota que puido colmar o vaso foi a votación sobre os orzamentos do estado onde Galicia sofría un recurte dun 20%. Novamente os deputados de Unidos Podemos seguiron as directrices de Pablo Iglesias en lugar de defender os intereses do país como tiña decidido a dirección de En Marea.

Alexandra Fernández mantívose firme e rexeitou unha contas que mermaban unha quinta parte dos recursos do estado en Galicia. A propia deputada lembroulle a Antón Gómez-Reino, secretario de Podemos en Galicia, despois de que este preguntara pola Axenda Galega do Cambio á ministra de Facenda que “A Ministra responde que a axenda galega xa estaba incluída nos orzamentos que votamos, cando en realidade supuñan un recorte do 20%. 🤦🏽‍♀️” para continuar cun claro “Isto é o que pasa cando sigues, erre que erre, intentando enganar á xente: que ao final golpéaste contra a verdade” e finalizar cun contundente zasca “Deixádeo estar, por favor. Foi inxustificable. Cando menos que esto servise para que nos queden as cousas claras para o futuro”

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies