Imaxe: Facebbok Lidia Senra

13 colectivos evidencian ante a CE a conivencia política presente nos proxectos que atacan á saúde humana e medioambiental en Galicia

Diversos colectivos denunciaron en Bruxelas a situación de ataques ao medioambiente e o incumprimento de varias directivas europeas.

Representantes de 13 colectivos, acompañados pola deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, convidadas por Lidia Senra, eurodeputada da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), trasladaron a denuncia da conivencia política presente nos proxectos que atacan á saúde humana e medioambiental en Galicia.

Algunhas medidas que solicitaron, en relación a diferentes proxectos contaminantes para o medioambiente, foron “que se leve adiante unha investigación que aclare se o emprego de fondos públicos europeos aplicado a estes proxectos en Galicia foi correcto”. Tamén se demandou “presionar dende a UE ao estado español para que mellore a calidade técnica da lexislación e das normativas relativas ao medioambiente e sanidade ambiental”, esixindo “un maior control e transparencia na tramitación de autorizacións”.

Outra das propostas trasladadas foi “incrementar os medios dispoñibles, así como crear xulgados específicos en materia medioambiental  dotando de máis medios á Fiscalía, así como o desenvolvemento dunha política efectiva en canto a produción e tratamento de todo tipo de residuos”.

A Plataforma Mina Touro-O Pino Non solicitou “a posibilidade de abrir unha investigación para determinar se o Estado español, a Xunta de Galicia, os concellos afectados e/ou as empresas están vulnerando as normas de dereito internacional”.

Denunciouse tamén o incumprimento reiterado do tratamento das augas residuais da Ría de Pontevedra, sinalando o “indubidable risco para a saúde pública”, orixinado por un deficiente saneamento.

Lidia Senra, pola súa banda, insistiu na necesidade de que se cree “un mecanismo de control exhaustivo da realización de avaliacións de impacto medioambiental”. Insistiu en que “defender os nosos dereitos non pode depender da capacidade económica da que cada persoa ou colectivo dispón para poder iniciar a vía xudicial” e en que “as sancións conleven a rexeneración absoluta dos danos causados e, se procede, indemnizacións ás persoas afectadas”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies