Luís Villares, Davide Rodríguez e Ana Seijas visitaron o incendio de Rianzo // Imaxe: https://enmarea.gal

En Marea reclama á Xunta que deixe a propaganda e se poña a loitar contra o lume

Luís Villares, Davide Rodríguez e Ana Seijas visitaron o incendio que afecta aos municipios de Rianxo e Dodro e demandaron un sistema baseado na prevención dos lumes, non na súa extinción.

En Marea reclamou este martes a fin da propaganda da Xunta nas políticas contra os lumes forestais e o comezo das medidas efectivas para facerlles fronte. Luís Villares, Davide Rodríguez e Ana Seijas visitaron a zona afectada polo incendio de Rianxo, que chega tamén ata Dodro, e demandaron un sistema baseado na prevención dos lumes, non na súa extinción. O voceiro de En Marea asegurou que “Feijóo non aprendeu nada dos lumes de outubro do 2017. Anunciou 30 medidas, que no seu momento denunciamos como medidas de propaganda e estamos vendo que esa é a realidade”.

“Estamos a finais do mes de marzo e as brigadas de prevención de incendios están nas súas casas en lugar de estar todo o inverno traballando” afeou Villares. Ademais, denunciou que “non están executados os plans de protección de faixas dos núcleos rurais, e polo tanto ponse en perigo, cun incendio forestal destas características, non só as casas, senón tamén a vida da xente”.

Villares insistiu na necesidade dun sistema baseado na prevención, na funcionalidade dos montes e na recuperación das terras agrarias. En definitiva, “precisamos unha ordenación integral do territorio que dea lugar a un sistema no que non só se beneficien uns poucos, como Ence, senón que sexa un espazo no que todo o mundo poida vivir con dignidade no medio rural”, indicou.

Pola súa banda, Davide Rodríguez, lamentou os episodios de incendios forestais nos nosos montes que se veñen sucedendo durante as últimas semanas e afirmou que “estamos a disposición dos veciños e veciñas de Rianxo para tentar minimizar os danos e manternos en continuo contacto con eles para o que sexa preciso”.

Consideras que a Xunta de Galicia debe mudar o seu modelo de loita contra o lume?

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies