Podemos, Anova e Esquerda Unida poñen en cuestión a tese de Beiras

O pasado sábado o grupo parlamentar de En Marea no congreso enviaba unha misiva negándose a render contas ante o plenario da formación e desvelou unha decisión que se opón frontalmente cunha tese presentada por Xosé Manuel Beiras.

Nun correo enviado nos días previos ao plenario polo grupo parlamentar de En Marea en Madrid indicaban que “ao grupo das Cortes non lle corresponde render contas ante o plenario de En Marea do día 27 e aqueles dos seus membros que acudan farano a título meramente individual, en ningún caso en representación do grupo” negándose a comparecer no plenario porque “tal como recentemente ten acordado a propia Mesa da Confluencia, integrada polos partidos que sustentan a Coalición e outros axentes do ámbito das Mareas, os cargos públicos deben render contas ante o espazo que os designou.”

Esta acción entra en colisión co documento elaborado polo histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, membro tamén do consello das mareas, que foi aprobado na anterior asemblea de En Marea co apoio de dirixentes como o deputado Antón Sánchez, voceiro de Anova. O documento titulado “En Marea e o seu grupo parlamentar nas cortes do estado”, indicaba expresamente a obriga de que o grupo rendese contas ante os órganos do partido instrumental e incluso establecía que “o incumprimento grave destas normas por calquera dos membros do grupo nas Cortes poderá suscitar a incoación do procedemento de revogación polas bases previsto nos estatutos de En Marea”.  O documento quedou en auga de castañas despois do correo do grupo parlamentar no congreso no que se desvelaba a xuntanza de Podemos, Esquerda Unida e Anova na que acordaba que cada deputado soamente ten que comparecer ante o partido que os designou para ocupar un posto nas listas da coalición electoral botando por terra a tese redactada por Beiras.

Mesa da confluencia

Ademais do acordo tomado na Mesa da Confluencia por Podemos, Esquerda Unida e Anova, as emendas presentadas por ese mesmo bloque de partidos no plenario abren a porta á posibilidade de que os dirixentes da formación rupturista non teñan que respectar os acordos asemblearios de En Marea. A dirección de Luís Villares cualificou isto de política de terra queimada e de converter o espazo nunha organización vertical sen capacidade de fiscalización dos seus representantes polas bases.

Este xiro de 180º sobre a rendición de contas dos representantes institucionais de En Marea en Madrid xa fora adiantado por un dirixente de Anova a través dun chío na rede social Twitter días antes da celebración do plenario da formación. Nel indicaba que “os representantes institucionais non renden contas ante catro militantes senón ante os electores” avanzando o que despois se ía converter na posición do grupo de Madrid co aval da Mesa da Confluencia conformada por Podemos, Esquerda Unida, Anova, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Compostela Aberta.

 

 

Tese política redactada por Xosé Manuel Beiras que baixo o título “En Marea e o seu grupo parlamentar nas cortes do estado” foi aprobada no anterior plenario de En Marea:

2 thoughts on “Podemos, Anova e Esquerda Unida poñen en cuestión a tese de Beiras

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies