Beiras desmárcase das eleccións internas de En Marea

O histórico dirixente de Anova publicaba onte a través das redes sociais un chío reclamando que ningunha candidatura empregase a súa imaxe.

Xosé Manuel Beiras defendeu en numerosas ocasións, dende o ano 2015 que “os partidos de esquerda deberíamos deixar de guerrear cotas de mercado electoral, coordinarnos e converternos en motores auxiliares das alternativas cidadás, pero non dirixilas”, destacando que hai que “atender menos ao que din os dirixentes e máis ao que din as bases”.
Recentemente, co gallo das eleccións internas de En Marea, os dirixentes dos partidos políticos que conforman o espazo político fixeron declaracións, en numerosas ocasións, buscando darlle ao seu partido máis protagonismo que a outros, ou mesmo que á cidadanía ou ás bases, no proceso de elección do novo Consello das Mareas. Dende Anova, neste proceso, chegaron incluso a contradicir os prantexamentos do propio Beiras a este respecto.
Dun tempo a esta parte Beiras amosou en moitas ocasións o seu prantexamento ao respecto, como fixo no Día da patria, onde aseguraba que “non hai alternativa á unidade popular dende arriba”, defendendo o papel de Anova, considerándoo “xeneroso co proxecto”, en contraposición ao de Esquerda Unida e Podemos, aos que demandaba “maior lealdade”.
No penúltimo día da campaña electoral do partido rupturista, a través da súa conta de Twitter, aseguraba “autoexcluínme a mantenta das eleccións ao Consello de EM e reclamo que ningunha candidatura utilice a miña imaxe”.
Esta mensaxe de Beiras dirixíase á candidatura Entre Todas, encabezada por David Bruzos, conformada polos denominados críticos con Luís Villares e apoiada por destacados dirixentes e cargos de Anova como Antón Sánchez ou Martiño Noriega, pois en diversas ocasións, dende as redes sociais empregaron imaxes onde aparecían Xosé Manuel Beiras xunto con Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino….
Trala publicación de Beiras, a candidatura retirou as imaxes ás que facía referencia o histórico nacionalista.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies