Imaxe: Twitter Olalla Rodil

Mobilización contra a censura no IES de Cedeira

A retirada dunha mostra de poesía no IES de Cedeira provoca a mobilización do alumnado promovendo a liberdade de expresión e denunciando a censura.

A mostra, unha exposición de poemas creados polos 67 estudantes de 4º da ESO nun obradoiro promovido dende a biblioteca escolar, inaugurouse o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, e desmontouse de súpeto o 29, por mor dunha denuncia anónima provinte do claustro de profesores.

A polémica saltou por un poema asinado por alumnas do IES Punta Candieira, de Cedeira, no que ironizaban sobre os odios do escritor Rafael Sánchez Ferlosio, suscitando o debate frases como “á cor vermella, aos fachas, á sociedade na que vivimos, á xente hipócrita, aos clichés, á fantasía pintada de rosa, a España, á tauromaquia, aos acoso…”.

Mentres a responsable do Instituto limitabase a dicir que “todo está en mans da Inspección Educativa e da Xefatura Territorial de Educación”, dende a Consellería negaban ter ordenado quitar a exposición, apuntando, así e todo, “a existencia dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non ten cabida nun centro educativo”.   

Como xeito de protesta, o alumnado acudiu a clase vestidos de negro e nos dous recreos da maña protagonizaron sentadas na entrada do centro, con proclamas contra a censura e en defensa da liberdade de expresión.

O alcalde de Cedeira respaldou ao alumnado asegurando “ninguén entende que se poida censurar a palabra, ninguén entende que se poida censurar a liberdade de expresión, ninguén entende que se poida censurar o pensamento duns alumnos dun centro educativo…. avanzamos ou retrocedemos? Eu digo non á censura”.

A favor da retirada da mostra posicionouse, pola súa banda, a Asociación Hablamos Español, que preside Gloria Lago, trasladando unha queixa á Xunta polos contidos da páxina de Facebook da biblioteca do IES, que, segundo indican “non se corresponden coa neutralidade ideolóxica debida”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies